O Mapa do emprendemento suma en dúas semanas 145 entidades rexistradas relacionadas co impulso de iniciativas empresariais en Galicia

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de lanzar o Mapa de emprendemento, un espazo virtual (https://www.mapaemprendemento.gal)  que integra por primeira vez o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio. Tras dúas semanas desde o seu lanzamento, a web xa reúne 145 rexistros de entidades (outra vintena trasladou o seu interese en adherirse) que traballan na promoción das iniciativas empresariais na comunidade.

Con medidas coma esta, a comunidade estase a consolidar como rexión emprendedora. O novo espazo será unha ferramenta moi útil para quen desexe desenvolver unha actividade en Galicia, para que sexa quen de localizar, de xeito áxil e nunha mesma contorna, a todos os axentes territoriais cos que pode contar.

O Goberno galego quere ser unha Administración facilitadora, polo que na presente Lexislatura avanzará na simplificación e unificación do catálogo de axudas existentes para o emprendemento.

Desde este 2024 a Xunta de Galicia está a axudar ás persoas que se dan de alta por primeira vez no réxime de autónomos, ao ofrecer o 100% de financiación da súa cota durante os primeiros doce meses. Case 5.000 persoas solicitaron estes apoios.

A Rede de polos de emprendemento, por outra banda, asesorou xa máis de 1.600 experiencias de emprendemento desde o seu estreo hai case dous anos. Esta trama, integrada por trece polos en activo, aos que se sumarán en breve dous máis e un centro coordinador, dá cobertura a emprendedores radicados en todo o territorio, especialmente en zonas rurais, onde a iniciativa está a contribuír a dinamizar as economías locais.

A Administración autonómica está a apostar ademais pola remuda,  para evitar que morra o ecosistema comercial das localidades galegas. Así, no marco da Rede de polos, estase a desenvolver desde a Consellería de Emprego, Comercio e Igualdade, un programa específico, cun cento de empresas adheridas, coa finalidade de garantir a súa supervivencia, poñendo en contacto a persoas que cesan a súa actividade coas interesadas en retomala.

Non menos importante é para a Xunta a aposta pola economía social, con gran arraigamento en Galicia, que se seguirá a promover con apoios para o inicio de actividade, a consolidación e a xeración de emprego, contribuíndo tamén á súa promoción, esencial por se tratar dun modelo igualitario e de responsabilidade social.

Fonte da noticia:

Información básica sobre protección de datos persoais
Responsable do tratamento: Xunta de Galicia – Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade – Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego
Finalidades do tratamento: Tramitación das suxestións, queixas, consultas, solicitudes de información e outras comunicacións recibidas por medio do formulario destinado ao efecto.
Lexitimación para o tratamento: Consentimento das persoas interesadas.
Destinatarios dos datos: Non se prevén comunicacións a terceiros.
Exercicio de dereitos: As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar no seu caso, o consentimento, #ante o responsable do tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo recóllese en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Así mesmo, poderán retirar, no seu caso, o consentimento previamente outorgado dirixindo a súa comunicación xempreemprende@xunta.gal.
Contacto do Delegado/a de Protección de Datos e Información adicional: https://xunta.gal/informacion-xeral-proteccio